Wednesday 15 de May de 2024

A nova Oficina de Atención Cidadá abrirá mañá para dar máis comodidade, celeridade e transparencia na xestión dos trámites


Os grupos da Corporación presenciaron hoxe o seu funcionamento

Mañá venres vai entrar en funcionamento a nova Oficina de Atención Cidadá de Riveira: unha nova instalación situada na planta baixa do Consistorio que, sendo pioneira en Barbanza, está chamada a mellorar ostensiblemente a atención do administrado ao propiciar en primeiro lugar unha maior comodidade ao centralizar nun só espazo a realización dos trámites, unha maior celeridade na realización dos mesmos e unha maior transparencia ao permitir coñecer incluso dende a propia casa o estado deses expedientes.

O alcalde Manuel Ruiz tivo ocasión esta mañá de explicar o sistema de funcionamento desta nova área municipal a portavoces e concelleiros dos distintos grupos políticos da Corporación nun acto que incluíu unha demostración práctica dos distintos pasos que ten que dar o cidadán para formalizar trámites relacionados con empadronamentos, aperturas, cemiterios, licencias de obras e taxas: é dicir, os máis habituais no Concello.

A instalación consta de algo máis de 150 metros cadrados. O itinerario do cidadán comezará por unha sala de espera e unha área de recepción na que dous traballadores municipais encargaranse de recoller os datos persoais dos veciños co fin de incluílos nun programa informática e expender o correspondente número para derivalos, unha vez apareza na pantalla colocada ao efecto, a algún dos cinco puntos de atención habilitados (no caso de que non haxa xente agardando, poderán dirixirse directamente a estes puntos).

Teléfono 010
Tamén haberá na área de recepción un terceiro empregado atendendo o número telefónico 010: a nova centraliña do Concello dende a que remitirá a chamada a calquera dependencia do Consistorio.

Unha vez nos puntos de atención, o veciño poderá formalizar o seu trámite. O alcalde precisou que nas primeiras semanas cada traballador municipal disposto nestes puntos encargarase do labor que ata agora viña desempeñando no Concello, pero a intención é que progresivamente vaian adquirindo os coñecementos e a formación necesarias para realizar os labores dos seus compañeiros co fin de que, chegado o momento, calquera empregado estea capacitado para atender perfectamente calquera trámite.

Cómpre destacar que nestes puntos de atención os veciños poderán asinar con firma electrónica a través dunhas pequenas tabletas dixitais e, ademais, determinados documentos como por exemplo os certificados de empadronamento serán asinados dixitalmente (o voceiro do BNG Xosé Antonio Vázquez Cobas realizou unha simulación a este respecto), o que permitirá poder formalizalos no momento e non ter que agardar ao día seguinte á espera de seren firmados fisicamente por alcalde(ou tenente de alcalde) e secretario xeral como se facía ata agora.

Portelo dixital
Unha última parte da simulación de hoxe consistiu demostracion de como un veciño pode consultar dende o seu dipositivo, a través do apartado “Portelo dixital” (http://ventanilla.riveira.es/), o estado dos seus recibos, notificacións, documentos presentados por rexistro, etc… Basta con ter un certificado dixital ou un DNI electrónico.

O alcalde avanzou que nunha etapa posterior, non só se poderá facer consultas a través de Internet senón tamén xestionalas e formalizalas trámites directamente mediante o Portelo dixital igual que se se estivese no Concello.

Xunto á sala de espera, a zona de recepción e os puntos de atención, a oficina conta tamén con catro oficinas, das cales concelleira de Participación Cidadá, responsable de Comunicación e técnica de Desenvolvemento Local ocuparán unha cada unha, e a outra estará destinada a aquelas xestións que precisen un espazo privado.

Por último, o alcalde solicitou comprensión polas posibles demoras dos primeiros días como consecuencia de poñer en funcionamento a nova oficina .